María Soliña:
Cae a noite sobre a praia
fuxe o vento de cara ó val
danza a lúa sobre as augas
e María escoita o mar
Non trae voces, non trae nada
só o silencio e a friaxe
son a fúnebre compaña
o son mouro das campás.
María Soliña, María Silencio
no cemiterio que hai baixo o mar
tampouco hoxe el ha voltar
María Soliña, María Soedade
Ti ere-la area, Pedro é o ar
María Soliña, María Soedade
Inquisidor: Ti xogas coa auga,
ti vais de noite a praia, ti fas conxuros co lume.
María: Eu paseo pola area e mollo o corpo na auga,
eu gosto do lume.
Inquisidor: E bañaste espida!
María: Lavo a cara e as mans e meto os pés na auga.
Inquisidor: Ti fas lume na praia e danzas espida arredor da fogueira entregaste a Satanás en alma e corpo.
María: O lume quéntame no inverno e avívame as lembranzas e só unha vez dancei con lume...
Inquisidor: María, recoñeces daquela que eres meiga?
Cando foi esa vez?
María: Na noite de San Xoán e non son meiga!
Bate a noite longas alas
non hai gavotas tampouco araus
negros corvos arrevoan
nos seus bochos traen o mal
traen enchenta de cobiza
traen mentira e sinrazón
e María fica soa
baixo as zoupas da Inquisición
María Soliña, María Soedade
no cemiterio que hai baixo o mar
quizais con Pedro poidas danzar.
María Soliña, María Soedade
Ti ere-la area, el era o mar.
María Soliña, María Soeda...
Neno: María Soliña morreu na tortura, para cumpli-la sentencia fixeron un moneco que a representaba...
Álbum: O sentir dunha terra
Tema: 8
Ano: 2000