Penélope:

 

Un paso adiante

e outro atrás, Galiza,

i a tea dos teus soños

 

non se move.

A espranza nos teus ollos

se espreguiza.

Aran os bois e chove.

 

Un bruar

de navíos moi lonxanos

che estrolla o sono mol

como unha uva.

Pro tí envólveste

en sabas de mil anos,

i en sonos

volves a escoita-la chuva.

 

Un paso adiante

e outro atrás, Galiza,

a tea dos teus soños

non se move.

A espranza nos teus ollos

se espreguiza.

Aran os bois e chove.

 

Traguerán os camiños

algún día

a xente que levaron.

Deus é o mesmo.

Suco vai, suco vén, Xesús María!,

e toda a cousa

ha de pagar seu desmo.

 

Desorballando

os prados coma sono,

o tempo vai de Parga a Pastoriza.

Vaise enterrando,

suco a suco, o Outono.

Un paso adiante

i outro atrás, Galiza!

 

Un paso adiante

e outro atrás, Galiza,

i a tea dos teus soños

non se move.

A espranza nos teus ollos

se espreguiza.

Aran os bois e chove.

 

Aran os bois e chove.


Álbum: 30 anos con A Quella. De amor, dor e loita. Vol. 2

Tema: 10

Ano: 2014