Unha noite na eira do trigo:
Unha noite na eira do trigo
Ó refrexo do branco luar
Unha nena choraba sen trégolas
Os desdés dun ingrato galán.
E a coitada entre queixas dicía:
Xa no mundo non teño a ninguén,
Vou morrer e non ven os meus ollos,
Os olliños do meu doce ben.
Os seus ecos de malencolía,
Camiñaban nas alas do vento
I o lamento repetía
Vou morrer e non ven o meu ben.
Lonxe dela de pé sobre a popa
Dun aleve negreiro vapor
Emigrando camiño de América
Vai o probe e infeliz amador.
I ó mirar as xentís anduriñas
cara a terra que deixa cruzar.
Quen pudera dar volta pensaba.
Quen pudera convosco voar.
Mais as aves e o buque fuxían,
Sin ouvir seus amargos lamentos,
Soio os ventos repetían,
Quen pudera convosco voar. (bis)
Noites craras de aromas e lúa,
Desde entón que tristeza en vós hai
Pros que viron chorar unha nena,
Pros que viron un barco marchar.
Dun amor celestial verdadeiro,
Quedou solo de bágoas a proba
Unha cova nun outeiro
i un cadavre no fondo do mar...