Unha vez tiven un cravo:

 

Unha vez tiven un cravo 

cravado no corazón, 

i eu non me acordo xa se era aquel cravo 

de ouro, de ferro ou de amor. 

Soio sei que me fixo un mal tan fondo, 

que tanto me atormentóu, 

que eu día e noite sin cesar choraba 

cal choróu Madalena na Pasión. 

 

Señor, que todo o podedes 

pedínlle unha vez a Dios, 

dáime valor para arrincar dun golpe 

cravo de tal condición. 

E doumo Dios e arrinquéino, 

máis… quén pensara? despois 

xa non sentín máis tormentos 

nin soupen qué era delor, 

soupen só que non sei qué me faltaba 

en donde o cravo faltóu, 

e seica..., seica tiven soidades 

aquella pena, bon Dios. 

Este barro mortal que envolve o esprito 

quén o entenderá, Señor. 

Este barro mortal que envolve o esprito 

quén o entenderá, Señor. 

 

Unha vez tiven un cravo 

cravado no corazón, 

i eu non me acordo xa se era aquel cravo 

de ouro, de ferro ou de amor. 

Soio sei que me fixo un mal tan fondo, 

que tanto me atormentóu, 

que eu día e noite sin cesar choraba 

cal choróu Madalena na Pasión.


Álbum: Rapoemas-Aid

Tema: 8

Ano: 2012