Silencios na memoria:

 

As iras rompen silencios cando os crimes non se acordan

cando no espantallo dormen paxaros da desmemoria.

 

Por iso voulles contar levando cousa con cousa

poñendo unha feble luz nun lugar de tanta sombra

 

Era o ano trinta e seis, ano de sangue e afrontas

mártires da libertade quedan tirados na foxa

 

E en agosto, o dezasete, disparan armas traidoras

contra de xente inocente…caeu Alexandre Bóveda

 

Na Caeira, Pontevedra,un mencer triste da Historia,

 

… se rescatamo-los feitos  non deixaremos que volvan!

 

"A Guerra Civil encheunos a memoria de foxas e o corazón de baleiros. Foi unha victoria que non trouxo a Paz, por que cómpre rompe-lo silencio, recuperando esa, … á súa voz necesaria de cantos alí a perderon. Eran da Frente Popular, anarquistas, republicanos, comunistas, galeguistas, sindicalistas, socialistas, nacionalistas, ou insubmisos á rebelión. Ou inocentes inculpados polo dedo revirado de delatores vingativos ou arribistas de novo mando… Militantes todos eles dun anceio común que exaltaba a dignidade humana e a dos pobos. Querían dar creto á esperanza, esa que aínda hoxe semella que non chega. Eran bos e xenerosos, defenderon o soño dun mundo mellor e máis feliz.

Mais, … espigaron inxustizas, glorificando os abusos, conformando a tiranía para deixar todo oculto, tentando que o tempo borre o que o tempo ó fin descobre. Ninguén a culpa asume. Os herdeiros da victoria van diante e van dicindo: “que é botar máis leña ó lume”."

 

Mataron, martirizaron, escurecendo as auroras

enchendo a terra de sangue, de medo, loito e derrota

Os vencedores procuran impunes pechar as portas

para negar a verdade para anular a memoria.

 

Venceron e aínda seguen administrando a victoria

aqueles que ainda hoxe queren facer a noite máis longa.

 

Perderon creto e razón pois na mentira se agochan.

Mártires son o guieiro e o pobo daralles gloria

A tantos que un día soñaron unha Galicia máis nosa.

Pioneiros da liberdade ¡serán lembrados con honra!

¡serán lembrados con honra!.

¡serán lembrados con honra!.


Álbum: Silencios na memoria

Tema: 1

Ano: 2004