María Balteira:
Señora da saia leda
e do refaixo garzón,
u-las gaitas cantadoras
de bailar arroutador.
Señora percorredora
dos camiños da nación,
ulas as harpas bringuelas
coma paxaros de amor.
Señora desvergoñada,
digna de todo louvor,
u-los reis e cabaleiros
que andaban ó teu redor.
María Balteira,
señora do sol,
onde van os tempos
de arelas de amor.
María Balteira,
señora do sol,
Os camiños dos xograres
xa son camiños de dor,
e non resoa nas feiras
a túa leda canción.
Xa non se escoitan na terra
as coplas do seu louvor,
e os amenceres son tristes,
e harpas non hai no solpor.
A pedra fría te cobre
no último soño traidor,
e talvez sobre ti medra
malva de triste color.
Onde van os tempos,
u-los días son
dos pinchacarneiros
nos prados en flor.
Os teus amigos son cinza
e o teu sorrir é remol,
os teus camiños cegaron
e os teus amores son po.
Mais a túa lingua de carne
pervive na nosa voz,
e algún día escoitaremos
o cantar do reiseñor.
Paxaro que canta á noite
antes que saia lo albor
cantigas de tempo novo
pra unha Compostela en flor.
María Balteira,
señora do amor,
han chegar os tempos
do abrente do sol.
María Balteira,
señora do amor,
Álbum: Os tempos inda non, non son chegados
Tema: 3
Ano: 1986
Álbum: As nosas cancións. Vol 2
Tema: 10
Ano: 1998